miércoles, 26 de noviembre de 2025

DÍA INTERNACIONAL DA DISCAPACIDADE

                                 


O próximo día 3 de decembro imos volver celebrar no noso centro o Día Internacional das Persoas con Discapacidade. Recordarvos que esta data foi proposta por Nacións Unidas en 1992 co  obxectivo de promover os dereitos e o benestar das persoas con discapacidades en todos os ámbitos da sociedade e o desenvolvemento, así como concienciar sobre a súa situación en todos os aspectos da vida política, social, económica e cultural.

Entre as actividades programadas no centro, está a realización dun pequeno circuíto onde o alumnado empatizará coas persoas que presentan algunha discapacidade física, auditiva e visual. Esta actividade levarémola a cabo o mércores3 e o xoves 4 da próxima semana.

A continuación deixámovos un par de vídeos sobre o tema. O primeiro explícanos un pouquiño sobre este día, mentres que no segundo podemos ver a varios deportistas españois mandando unha mensaxe para a normalización das discapacidades, especialmente no deporte.

 
      

lunes, 24 de noviembre de 2025

IMAXES SEMANA DO PEÓN

Aquí vos deixamos algunhas fotos do ben que o pasamos na semana do peón. Pinchade sobre a imaxe.

miércoles, 5 de noviembre de 2025

ACTIVIDADES MOTRICES NO SAMAÍN/MAGOSTO

O xoves 30 de outubro fixemos celebración dobre no centro, posto que ao longo de toda a xornada, conmemoramos o Samaín e o Magosto. Durante todo o día, o alumnado disfrutou de obradoiros, lecturas de contos terroríficos, actividades motrices (xogos populares, bailes...)... e como non, un momento para comer as castañas.

martes, 4 de noviembre de 2025

SEMANA DO PEÓN

Como todos os anos por estas datas, imos celebrar a "Semana do Peón", polo que para a vindeira semana, se tedes algún na casa, podedes traelo para desmostrarlle aos vosos compañeir@s as vosas habilidades. Tamén habilitaremos, na hora dos recreos, unha zona con buxainas onde teredes a oportunidade de xogar con elas.



Como xa sabedes, este é un xogo tradicional que recibe moitos nomes, como por exemplo: buxaina, trompo, peonza, bailarete, vira-vira,... e que forma parte do noso patrimonio cultural. 

No refraneiro popular podemos atopar varios refráns que falan das peonzas, e que indican os meses nos que este xogo é "Trending Topic".


Polo San Martiño, trompos ao camiño - 11 de novembro

Polo San Amaro, trompos ao faiado - 15 de xaneiro

Polo San Antón, peóns ao caixón - 17 de xaneiro

Pola Santa Olaia, peóns á borralla - 12 de febreiro


Tamén temos varios cancións referentes ás buxainas, deixámosvos un par delas para que escoitedes.
 

Mestres escoitades as cancións, podedes descargar para pintar os peóns que vos deixamos no seguinte enlace 👉👉AQUÍ👈👈.

O primeiro é coñecer as partes do PEÓN e como se xoga. A buxaina é un xoguete feito de madeira, que se pode personalizar facilmente, pintándoo ao noso gusto.
 
As partes do peón que debemos coñecer son:

Ferrón: é o cravo de ferro sobre o que vira/baila o trompo.

Pirucho: é a parte de arriba, algúns trompos non a teñen.

Barriga: é a parte máis ancha do peón.

Capa: Está comprendida entre o pirucho e a barriga.

Piola: é a corda coa que se envolve o trompo e soe medir uns 50 cm.



Toca agora vestir o peón:
No xeito de vestir o peón está, en grande medida, o éxito para que o xoguete baile. Amárrase da maneira máis tensa posible arredor da barriga do trompo e sóltase rapidamente para facelo bailar. Nun extremo da piola adóitase facer un nó corredizo para evitar que escorregue entre os dedos.
Tamén inflúe a forma de tiralo, cada xogador/a ten que atopar o seu estilo: dende arriba, coma se o tirases cara o chan, ou paralelo ao chan coma se acendeses un motor dunha motoserra...
Podedes visionar estes dous vídeos, un deles sobre unha das formas de envolver a piola sobre o bailarete e como tiralo. No outro móstranse algúns trucos a realizar cando está a buxaina bailando.



Agora tócache a ti... pono na man... enrédalle a piola... e a bailalooooooo!!!!


* Os partidos de brilé que se ían disputar esta semana quedan aprazados, polo que retomaremos o campionato o vindeiro martes.

lunes, 6 de octubre de 2025

XORNADA DE CROS

O pasado venres disputouse “A Carreira de Cros” organizada pola Secretaría Xeral para o Deporte, da Xunta de Galicia, dentro do programa XOGADE.

Esta proba celebrouse no ring hípico das instalacións da Semana Verde de Galicia (Silleda) onde se deron cita a maioría dos centros educativos da comarca do Deza, polo que a parte das probas deportivas, tamén serviu como actividade de convivencia entre o alumnado.

A continuación deixámosvos o enlace a algunhas fotos pinchando sobre a imaxe.


miércoles, 10 de septiembre de 2025

CAMPIONATO DE BRILÉ

Xa temos data de inicio para o primeiro campionato do ano!!!
Comezaremos o martes 23 de setembro coa primeira xornada de brilé. Tedes ata o mércores 17 para apuntarvos.


martes, 9 de septiembre de 2025

NOVOS TABOLEIROS PARA AS CANASTRAS

Seguimos renovando o material do patio. Se con anterioridade lles tocou ás porterías de fútbol sala e a mesa de ping-pong, agora é o turno de cambiar dous dos catro taboleiros das canastras. 
Agradecer ao Concello de Silleda a súa adquisición, e a preparación dos mesmo, a Luís, o noso conserxe.

lunes, 8 de septiembre de 2025

ESCOLAS DEPORTIVAS MUNICIPAIS 2025-26

Dende este luns 8 de setembro está aberta a inscrición nas distintas Escolas Deportivas Municipais. 

Deixámosvos un enlace das actividades organizadas polo concello, para acceder á información, pinchade sobre a imaxe.



ANIMÁDEVOS A PRACTICAR ALGÚN DEPORTE🏀🏊⚽😉😉!!!!!

PATIOS ACTIOS-DIVERTIDOS

Como en anos anteriores temos planificados unha serie de xogos e actividades para que desfrutedes nos recreos. A diferencia dos anos anteriores, este curso tivemos que eliminar a zona de multiaventura. Tedes un Genially explicando cada xogo máis un mapa coas súas ubicacións. Esperamos que sigades disfrutando deles.






BENVIDOS AO CURSO ESCOLAR 2025-2026

Bos días rapazas e rapaces!!! Hoxe iniciamos un novo curso escolar con algunhas novidades. Moito ánimo a tod@s e estade moi atentos ás informacións que imos ir colgando por aquí!!!