lunes, 30 de octubre de 2023

SEMANA DO PEÓN

A próxima semana imos celebrar a "Semana do Peón", polo que se tedes algún na casa podedes traelo para desmostrarlle aos vosos compañeir@s as vosas habilidades. Tamén habilitaremos, na hora dos recreos, unha zona con buxainas onde teredes a oportunidade de xogar con elas.



Como xa sabedes, este é un xogo tradicional que recibe moitos nomes, como por exemplo: buxaina, trompo, peonza, bailarete, vira-vira,... e que forma parte do noso patrimonio cultural. 

No refraneiro popular podemos atopar varios refráns que falan das peonzas, e que indican os meses nos que este xogo é "Trending Topic".


Polo San Martiño, trompos ao camiño - 11 de novembro

Polo San Amaro, trompos ao faiado - 15 de xaneiro

Polo San Antón, peóns ao caixón - 17 de xaneiro

Pola Santa Olaia, peóns á borralla - 12 de febreiro


Tamén temos varios cancións referentes ás buxainas, deixámosvos un par delas para que escoitedes.

Mestres escoitades as cancións, podedes descargar para pintar os peóns que vos deixamos no seguinte enlace 👉👉AQUÍ👈👈.

O primeiro é coñecer as partes do PEÓN e como se xoga. A buxaina é un xoguete feito de madeira, que se pode personalizar facilmente, pintándoo ao noso gusto.
 
As partes do peón que debemos coñecer son:

Ferrón: é o cravo de ferro sobre o que vira/baila o trompo.

Pirucho: é a parte de arriba, algúns trompos non a teñen.

Barriga: é a parte máis ancha do peón.

Capa: Está comprendida entre o pirucho e a barriga.

Piola: é a corda coa que se envolve o trompo e soe medir uns 50 cm.



Toca agora vestir o peón:
No xeito de vestir o peón está, en grande medida, o éxito para que o xoguete baile. Amárrase da maneira máis tensa posible arredor da barriga do trompo e sóltase rapidamente para facelo bailar. Nun extremo da piola adóitase facer un nó corredizo para evitar que escorregue entre os dedos.
Tamén inflúe a forma de tiralo, cada xogador/a ten que atopar o seu estilo: dende arriba, coma se o tirases cara o chan, ou paralelo ao chan coma se acendeses un motor dunha motoserra...
Podedes visionar estes dous vídeos, un deles sobre unha das formas de envolver a piola sobre o bailarete e como tiralo. No outro móstranse algúns trucos a realizar cando está a buxaina bailando.



Agora tócache a ti... pono na man... enrédalle a piola... e a bailalooooooo!!!!


* Os partidos de brilé que se ían disputar esta semana quedan aprazados, polo que retomaremos o campionato o vindeiro luns.

martes, 24 de octubre de 2023

APRAZADA A CARREIRA DE CAMPO A TRAVÉS

A proba de Cross (XOGADE) que se ía a disputar este venres nas instalacións da Semana Verde, finalmente queda aprazada polas condicións meteorolóxicas. 

Estade atentos, xa que nos próximos días confirmaremos nova data.

lunes, 23 de octubre de 2023

PLAN PROXECTA+

Hoxe estamos de noraboa no cole xa que o centro foi admitido en varios programas do Plan Proxecta. Un deles é o  “Proxectos de Vida Activa e Deportiva (PVAD)” que ten como finalidade axudar aos centros a elaborar o seu proxecto de vida activa e deportiva, abordando a loita contra o sedentarismo, o sobrepeso e a obesidade a través do incremento, dentro e fora do horario lectivo, da carga real de actividade física que realiza o alumnado.

Para a súa consecución, temos planificadas gran variedade de actividades, como por exemplo:

- Patios activos e divertidos.

- Participación en distintas modalidades de XOGADE.

- Xornadas con actividades físicas e lúdicas en celebracións coma a Semana do Peón, o Magosto, Día Internacional dos papaventos,...

- Andainas pola contorna.

- Milla diaria.

- Promoción de actividades físicas a través do blog de EF.

- Etc.

 

Os outros programas nos que fomos seleccionados son "Nutriescolas" e "Vexo, veo Xacobeo", cos cales realizaremos actividades conxuntas en favor dunha vida máis saudable.

 Deixámosvos o enlace coa resolución definitiva dos centro admitidos:

A Resolución do 22 de xuño de 2023, da Dirección Xeral de Ordenación eInnovación Educativa regula o Plan Proxecta+ e establece as bases para aparticipación dos centros docentes sostidos con fondos públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidadesdurante o curso 2023/24.

lunes, 16 de octubre de 2023

RUTA DE SENDEIRISMO

Boas rapaz@s!!! Para inagurar este curso as actividades en familia, vos propoñemos que vos iniciedes no deporte do sendeirismo. 

Na nosa comarca hai varias rutas que trascurren por diferentes lugares, e que a parte de permitirnos estar en contacto coa natureza, tamén nos axudan a facer exercicio físico. A primeira proposta que podedes realizar é unha parte da ruta do "Sendeiro do Muíño de Cuíña" (Prado-Lalín). Deixámosvos información sobre a mesma, así como unhas nocións básicas sobre o sendeirismo.

Se premedes sobre a imaxe, accederedes á ruta que ten unha distancia de case 11km, pero para ir comezando, recomendámosvos facer o tramo circular de 3 km con saída e chegada no propio Muiño de Cuíña. Esta parte do sendeiro transcorre ao carón do regueiro de Santa Lucía, onde podedes observar diferentes muíños, a Capela que leva o mesmo nome, unha antiga fábrica de curtidos e lavadoiros... A súa dificultade é baixa.

                               

Se premedes 👉AQUÍ👈, accederedes a unha breve explicación sobre o que é o sendeirismo, a súa sinalización e o material recomendado.

Esperamos que vos guste e sexa o principio de moitas máis rutas😉😉😉.