Este blog nace co fin de fomentar o gusto pola actividade deportiva, así como aumentar o exercicio físico diario como unha das bases dunha vida saudable. Nel poderedes atopar diferentes informacións relacionadas cas propostas dos xogos/actividades durante os patios, competicións internas do cole, probas deportivas que se celebraran nos arredores, ler a prensa deportiva e moitas cousas máis.
Se queredes aportar suxerencias, podédelo facer a través do seguinte correo: efceipsilleda@gmail.com
A próxima semana imos celebrar a "Semana do Peón", polo que se tedes algún na casa podedes traelo para desmostrarlle aos vosos compañeir@s as vosas habilidades. Tamén habilitaremos, na hora dos recreos, unha zona con buxainas onde teredes a oportunidade de xogar con elas.
Como xa sabedes, este é un xogo tradicional que recibe moitos nomes, como por exemplo: buxaina, trompo, peonza, bailarete, vira-vira,... e que forma parte do noso patrimonio cultural.
No refraneiro popular podemos atopar varios refráns que falan das peonzas, e que indican os meses nos que este xogo é "Trending Topic".
Polo San Martiño, trompos ao camiño - 11 de novembro
Polo San Amaro, trompos ao faiado - 15 de xaneiro
Polo San Antón, peóns ao caixón - 17 de xaneiro
Pola Santa Olaia, peóns á borralla - 12 de febreiro
O primeiro é coñecer as partes do PEÓN e como se xoga. A buxaina é un xoguete feito de madeira, que se pode personalizar facilmente, pintándoo ao noso gusto.
As partes do peón que debemos coñecer son:
O Ferrón: é o cravo de ferro sobre o que vira/baila o trompo.
O Pirucho: é a parte de arriba, algúns trompos non a teñen.
A Barriga: é a parte máis ancha do peón.
A Capa: Está comprendida entre o pirucho e a barriga.
A Piola: é a corda coa que se envolve o trompo e soe medir uns 50 cm.
Toca agora vestir o peón:
No xeito de vestir o peón está, en grande medida, o éxito para que o xoguete baile. Amárrase da maneira máis tensa posible arredor da barriga do trompo e sóltase rapidamente para facelo bailar. Nun extremo da piola adóitase facer un nó corredizo para evitar que escorregue entre os dedos.
Tamén inflúe a forma de tiralo, cada xogador/a ten que atopar o seu estilo: dende arriba, coma se o tirases cara o chan, ou paralelo ao chan coma se acendeses un motor dunha motoserra...
Podedes visionar estes dous vídeos, un deles sobre unha das formas de envolver a piola sobre o bailarete e como tiralo. No outro móstranse algúns trucos a realizar cando está a buxaina bailando.
Agora tócache a ti... pono na man... enrédalle a piola... e a bailalooooooo!!!!
* Os partidos de brilé que se ían disputar esta semana quedan aprazados, polo que retomaremos o campionato o vindeiro luns.