miércoles, 30 de octubre de 2024

SEMANA DO PEÓN

Como todos os anos por estas datas, imos celebrar a "Semana do Peón", polo que para a vindeira semana, se tedes algún na casa, podedes traelo para desmostrarlle aos vosos compañeir@s as vosas habilidades. Tamén habilitaremos, na hora dos recreos, unha zona con buxainas onde teredes a oportunidade de xogar con elas.



Como xa sabedes, este é un xogo tradicional que recibe moitos nomes, como por exemplo: buxaina, trompo, peonza, bailarete, vira-vira,... e que forma parte do noso patrimonio cultural. 

No refraneiro popular podemos atopar varios refráns que falan das peonzas, e que indican os meses nos que este xogo é "Trending Topic".


Polo San Martiño, trompos ao camiño - 11 de novembro

Polo San Amaro, trompos ao faiado - 15 de xaneiro

Polo San Antón, peóns ao caixón - 17 de xaneiro

Pola Santa Olaia, peóns á borralla - 12 de febreiro


Tamén temos varios cancións referentes ás buxainas, deixámosvos un par delas para que escoitedes.
 

Mestres escoitades as cancións, podedes descargar para pintar os peóns que vos deixamos no seguinte enlace 👉👉AQUÍ👈👈.

O primeiro é coñecer as partes do PEÓN e como se xoga. A buxaina é un xoguete feito de madeira, que se pode personalizar facilmente, pintándoo ao noso gusto.
 
As partes do peón que debemos coñecer son:

Ferrón: é o cravo de ferro sobre o que vira/baila o trompo.

Pirucho: é a parte de arriba, algúns trompos non a teñen.

Barriga: é a parte máis ancha do peón.

Capa: Está comprendida entre o pirucho e a barriga.

Piola: é a corda coa que se envolve o trompo e soe medir uns 50 cm.



Toca agora vestir o peón:
No xeito de vestir o peón está, en grande medida, o éxito para que o xoguete baile. Amárrase da maneira máis tensa posible arredor da barriga do trompo e sóltase rapidamente para facelo bailar. Nun extremo da piola adóitase facer un nó corredizo para evitar que escorregue entre os dedos.
Tamén inflúe a forma de tiralo, cada xogador/a ten que atopar o seu estilo: dende arriba, coma se o tirases cara o chan, ou paralelo ao chan coma se acendeses un motor dunha motoserra...
Podedes visionar estes dous vídeos, un deles sobre unha das formas de envolver a piola sobre o bailarete e como tiralo. No outro móstranse algúns trucos a realizar cando está a buxaina bailando.



Agora tócache a ti... pono na man... enrédalle a piola... e a bailalooooooo!!!!


* Os partidos de brilé que se ían disputar esta semana quedan aprazados, polo que retomaremos o campionato o vindeiro luns.

martes, 29 de octubre de 2024

XORNADA DE CAMPO A TRAVÉS (XOGADE)

Hoxe martes disputouse “A Carreira de Campo a Través” organizada pola Secretaría Xeral para o Deporte, da Xunta de Galicia, dentro do programa XOGADE.

Esta proba celebrouse no ring hípico das instalacións da Semana Verde de Galicia (Silleda) onde se deron cita a maioría dos centros educativos da comarca do Deza, polo que a parte das probas deportivas, tamén serviu como actividade de convivencia entre o alumnado.

A continuación deixámosvos o enlace a algunhas fotos pinchando sobre a imaxe.

SESIÓN ATLETISMO

Este luns o alumnado de 2º, 3º e 4º de EP recibiu unha sesión de atletismo no que practicaron algunhas das diferentes modalidades deste deporte, como por exemplo: os saltos de lonxitude e de altura, as carreiras e o lanzamento de vortex.

Nas vindeiras semanas poñerán en práctica o aprendido na xornada de atletismo que se levará a cabo cos outros coles do concello. 

Estas sesións están impartidas por membros do Club Escola Atletismo Deza, aos cales lle agradecemos a súa disponibilidade para levar a cabo a actividade.

Podedes ver as fotos premendo 👉AQUÍ👈

miércoles, 9 de octubre de 2024

CAMPIONATO DE MOTOCICLISMO (SIX DAYS)

Dende o 12 e 19 de outubro celebrarase o International Six Days de enduro, a proba máis importante desta modalidade. A proba disputarase nos concello de Santiago, Silleda, A Estrada, Lalín e O Irixo.

As instalacións da Semana Verde serán empregadas como paddock. 

Se pinchades sobre a imaxe, accederedes a máis información.