Este blog nace co fin de fomentar o gusto pola actividade deportiva, así como aumentar o exercicio físico diario como unha das bases dunha vida saudable. Nel poderedes atopar diferentes informacións relacionadas cas propostas dos xogos/actividades durante os patios, competicións internas do cole, probas deportivas que se celebraran nos arredores, ler a prensa deportiva e moitas cousas máis.
Se queredes aportar suxerencias, podédelo facer a través do seguinte correo: efceipsilleda@gmail.com
A continuación, deixámosvos un vídeo e un enlace á galería da páxina web do cole onde podedes ver o circuíto que montamos para conmemorar este día.
Todo o alumnado do centro puido tomar consciencia das dificultades coa que se atopan as persoas con discapacidade (auditiva, visual e física) para poder realizar rutinas da vida diaria.
Pincha na imaxe para acceder a un pequeno vídeo resumo do que foi a actividade.
Pincha na foto para acceder á galería onde atoparedes todas as instantáneas da actividade.
En 1992, Nacións Unidas declarou o día 3 de decembro como o Día
Internacional das Persoas con Discapacidade. O seu obxectivo é promover os dereitos e o benestar das persoas con
discapacidades en todos os ámbitos da sociedade e o desenvolvemento, así como
concienciar sobre a súa situación en todos os aspectos da vida política,
social, económica e cultural.
Este ano para celebralo, entre as actividades
programadas no centro, está a realización dun pequeno circuíto onde o alumnado empatizará
coas persoas que presentan algunha discapacidade física, auditiva e visual. Esta
actividade levarémola a cabo o xoves e venres desta semana, xa que o propio día
é o domingo.
A continuación deixámovos un par de vídeos sobre o tema. O
primeiro explícanos un pouquiño sobre este día, mentres que no segundo podemos ver
a varios deportistas españois mandando unha mensaxe para a normalización das
discapacidades, especialmente no deporte.
Hoxe venres, disputouse “A Carreira de Campo a Través” organizada pola Secretaría Xeral para o Deporte, da Xunta de Galicia, dentro do programa XOGADE.
Esta proba celebrouse no ring hípico das instalacións da Semana Verde de Galicia (Silleda) onde se deron cita a maioría dos institutos e colexios educativos da comarca do Deza, polo que a parte das probas deportivas, tamén serviu como actividade de convivencia entre o alumnado.
A continuación deixámosvos o enlace a algunhas fotos pinchando sobre a imaxe.
Non foi sen tempo... pero a espera dou os seus froitos. Xa temos montada no patio a nosa mesa de ping-pong. Agora nos recreos xa podedes facer uso delas.
Podedes ver as regras básicas deste deporte pinchando 👉👉AQUÍ👈👈.
* 🚧⛔🚧Acordádevos que na mesa de ping pong non podemos subirnos, sentarnos, comer enriba dela...
Xa temos nova data para a
celebración da proba de Cross que se
aprazou polas condicións meteorolóxicas.
Esta realizarase o
próximo venres 17 dentro do horario lectivo e terá lugar nas instalacións
da Semana Verde de Galicia (Silleda).
Aconsellamos ao alumnado
participante (3º, 4º,
5º e 6º de EP) que veña con roupa deportiva adecuada, así como unha
mochila con roupa de reposto (calzado, calcetíns, pantalón, camiseta,…).
A próxima semana imos celebrar a "Semana do Peón", polo que se tedes algún na casa podedes traelo para desmostrarlle aos vosos compañeir@s as vosas habilidades. Tamén habilitaremos, na hora dos recreos, unha zona con buxainas onde teredes a oportunidade de xogar con elas.
Como xa sabedes, este é un xogo tradicional que recibe moitos nomes, como por exemplo: buxaina, trompo, peonza, bailarete, vira-vira,... e que forma parte do noso patrimonio cultural.
No refraneiro popular podemos atopar varios refráns que falan das peonzas, e que indican os meses nos que este xogo é "Trending Topic".
Polo San Martiño, trompos ao camiño - 11 de novembro
Polo San Amaro, trompos ao faiado - 15 de xaneiro
Polo San Antón, peóns ao caixón - 17 de xaneiro
Pola Santa Olaia, peóns á borralla - 12 de febreiro
Tamén temos varios cancións referentes ás buxainas, deixámosvos un par delas para que escoitedes.
Mestres escoitades as cancións, podedes descargar para pintar os peóns que vos deixamos no seguinte enlace 👉👉AQUÍ👈👈.
O primeiro é coñecer as partes do PEÓN e como se xoga. A buxaina é un xoguete feito de madeira, que se pode personalizar facilmente, pintándoo ao noso gusto.
As partes do peón que debemos coñecer son:
O Ferrón: é o cravo de ferro sobre o que vira/baila o trompo.
O Pirucho: é a parte de arriba, algúns trompos non a teñen.
A Barriga: é a parte máis ancha do peón.
A Capa: Está comprendida entre o pirucho e a barriga.
A Piola: é a corda coa que se envolve o trompo e soe medir uns 50 cm.
Toca agora vestir o peón:
No xeito de vestir o peón está, en grande medida, o éxito para que o xoguete baile. Amárrase da maneira máis tensa posible arredor da barriga do trompo e sóltase rapidamente para facelo bailar. Nun extremo da piola adóitase facer un nó corredizo para evitar que escorregue entre os dedos.
Tamén inflúe a forma de tiralo, cada xogador/a ten que atopar o seu estilo: dende arriba, coma se o tirases cara o chan, ou paralelo ao chan coma se acendeses un motor dunha motoserra...
Podedes visionar estes dous vídeos, un deles sobre unha das formas de envolver a piola sobre o bailarete e como tiralo. No outro móstranse algúns trucos a realizar cando está a buxaina bailando.
Agora tócache a ti... pono na man... enrédalle a piola... e a bailalooooooo!!!!
* Os partidos de brilé que se ían disputar esta semana quedan aprazados, polo que retomaremos o campionato o vindeiro luns.
A proba de Cross (XOGADE) que se ía a disputar este venres nas instalacións da Semana Verde, finalmente queda aprazada polas condicións meteorolóxicas.
Estade atentos, xa que nos próximos días confirmaremos nova data.