Este blog nace co fin de fomentar o gusto pola actividade deportiva, así como aumentar o exercicio físico diario como unha das bases dunha vida saudable. Nel poderedes atopar diferentes informacións relacionadas cas propostas dos xogos/actividades durante os patios, competicións internas do cole, probas deportivas que se celebraran nos arredores, ler a prensa deportiva e moitas cousas máis.
Se queredes aportar suxerencias, podédelo facer a través do seguinte correo: efceipsilleda@gmail.com
Recordarvos que o 31 de decembro vaise celebrar en Silleda a Carreira de San Silvestre.
Se queredes mantervos informados das novas sobre a proba, podedes decirlle aos vosos pais que sigan no Facebook e no Instagram a San Silvestre de Silleda.
Se pinchades sobre o cartel accederedes á plataforma para formalizar a inscrición.
Animádevos a participar se queredes finalizar o ano pasando un rato entretido, e poñendo a proba a vosa forma física.
Fai uns días publicouse a relación de centros admitidos no Plan Proxecta 2025/26. O noso cole volveu ser admitido para participar no programa “Proxectos de Vida Activa e Deportiva (PVAD)” que como xa sabedes ten como finalidade axudar aos centros a elaborar o seu proxecto de vida activa e deportiva, abordando a loita contra o sedentarismo, o sobrepeso e a obesidade a través do incremento, dentro e fóra do horario lectivo, da carga real de actividade física que realiza o alumnado.
Podedes seguir as actividades que imos realizando neste blog.
Deixámosvos o enlace coa resolución definitiva dos centro admitidos, pinchade na imaxe.
O mércores 3 e xoves 4 deste mes, conmemoramos no centro o Día Internacional da Discapacidade. Se pinchades na imaxe, accederedes á páxina web do cole onde podedes ver a actividade que realizamos para celebrar este día.
O próximo día 3 de decembro imos volver celebrar no noso centro o Día Internacional das Persoas con Discapacidade. Recordarvos que esta data foi proposta por Nacións Unidas en 1992 co obxectivo de promover os dereitos e o benestar das persoas con discapacidades en todos os ámbitos da sociedade e o desenvolvemento, así como concienciar sobre a súa situación en todos os aspectos da vida política, social, económica e cultural.
Entre as actividades programadas no centro, está a realización dun pequeno circuíto onde o alumnado empatizará coas persoas que presentan algunha discapacidade física, auditiva e visual. Esta actividade levarémola a cabo o mércores3 e o xoves 4 da próxima semana.
A continuación deixámovos un par de vídeos sobre o tema. O primeiro explícanos un pouquiño sobre este día, mentres que no segundo podemos ver a varios deportistas españois mandando unha mensaxe para a normalización das discapacidades, especialmente no deporte.
O xoves 30 de outubro fixemos celebración dobre no centro, posto que ao longo de toda a xornada, conmemoramos o Samaín e o Magosto. Durante todo o día, o alumnado disfrutou de obradoiros, lecturas de contos terroríficos, actividades motrices (xogos populares, bailes...)... e como non, un momento para comer as castañas.
Como todos os anos por estas datas, imos celebrar a "Semana do Peón", polo que para a vindeira semana, se tedes algún na casa, podedes traelo para desmostrarlle aos vosos compañeir@s as vosas habilidades. Tamén habilitaremos, na hora dos recreos, unha zona con buxainas onde teredes a oportunidade de xogar con elas.
Como xa sabedes, este é un xogo tradicional que recibe moitos nomes, como por exemplo: buxaina, trompo, peonza, bailarete, vira-vira,... e que forma parte do noso patrimonio cultural.
No refraneiro popular podemos atopar varios refráns que falan das peonzas, e que indican os meses nos que este xogo é "Trending Topic".
Polo San Martiño, trompos ao camiño - 11 de novembro
Polo San Amaro, trompos ao faiado - 15 de xaneiro
Polo San Antón, peóns ao caixón - 17 de xaneiro
Pola Santa Olaia, peóns á borralla - 12 de febreiro
Tamén temos varios cancións referentes ás buxainas, deixámosvos un par delas para que escoitedes.
Mestres escoitades as cancións, podedes descargar para pintar os peóns que vos deixamos no seguinte enlace 👉👉AQUÍ👈👈.
O primeiro é coñecer as partes do PEÓN e como se xoga. A buxaina é un xoguete feito de madeira, que se pode personalizar facilmente, pintándoo ao noso gusto.
As partes do peón que debemos coñecer son:
O Ferrón: é o cravo de ferro sobre o que vira/baila o trompo.
O Pirucho: é a parte de arriba, algúns trompos non a teñen.
A Barriga: é a parte máis ancha do peón.
A Capa: Está comprendida entre o pirucho e a barriga.
A Piola: é a corda coa que se envolve o trompo e soe medir uns 50 cm.
Toca agora vestir o peón:
No xeito de vestir o peón está, en grande medida, o éxito para que o xoguete baile. Amárrase da maneira máis tensa posible arredor da barriga do trompo e sóltase rapidamente para facelo bailar. Nun extremo da piola adóitase facer un nó corredizo para evitar que escorregue entre os dedos.
Tamén inflúe a forma de tiralo, cada xogador/a ten que atopar o seu estilo: dende arriba, coma se o tirases cara o chan, ou paralelo ao chan coma se acendeses un motor dunha motoserra...
Podedes visionar estes dous vídeos, un deles sobre unha das formas de envolver a piola sobre o bailarete e como tiralo. No outro móstranse algúns trucos a realizar cando está a buxaina bailando.
Agora tócache a ti... pono na man... enrédalle a piola... e a bailalooooooo!!!!
* Os partidos de brilé que se ían disputar esta semana quedan aprazados, polo que retomaremos o campionato o vindeiro martes.
O pasado venres disputouse“A Carreira de Cros” organizada pola Secretaría Xeral para o Deporte, da Xunta de Galicia, dentro do programa XOGADE.
Esta proba celebrouse no ring hípico das instalacións da Semana Verde de Galicia (Silleda) onde se deron cita a maioría dos centros educativos da comarca do Deza, polo que a parte das probas deportivas, tamén serviu como actividade de convivencia entre o alumnado.
A continuación deixámosvos o enlace a algunhas fotos pinchando sobre a imaxe.
Seguimos renovando o material do patio. Se con anterioridade lles tocou ás porterías de fútbol sala e a mesa de ping-pong, agora é o turno de cambiar dous dos catro taboleiros das canastras.
Agradecer ao Concello de Silleda a súa adquisición, e a preparación dos mesmo, a Luís, o noso conserxe.